|
06 December 2008
Noceda é unha parroquia do concello pontevedrés de Lalín. Linda coas parroquias de Madriñán, Prado, Santiso e co concello de Silleda. No ano 2007 tiña 302 habitantes (o que supón unha redución de 24 habitantes respecto ó padrón municipal do 2004), cunha densidade de 58,08 habitantes por km². Isto representa o 1,43% da poboación do concello.
| Noceda | |||
|---|---|---|---|
| Concello: | Lalín | ||
| Poboación: | 302 hab. | ||
| Superficie: | 5,2 km2 | ||
| Densidade: | n/d | ||
| Altitude: | 412 m. | ||
| Entidade(s): | 7 | ||
Localízase sobre un lugar con terras húmidas (está bañada polas augas do río Deza, o regueiro da Santa Lucía, e o de Faquintas), con agros, carballeiras, e terras de cultivo. A súa altura máxima é de 440 metros.
Conta con sete lugares: Eirixe, Golmar, Lamas, Noceda de Abaixo, Toxiña, Vilar do Xestal e Xunxil.
O topónimo Noceda é un fitotopónimo, alusivo á flora, co sufixo colectivo –eda. Corresponde ó latín Noceta, terra de nogueiras.
Índice
Demografía
Na parroquia as mulleres son o 51,33% da poboación, fronte ó 48,67% de homes. O grupo entre 0 e 14 anos ocupa o 10,26% da poboación (31 persoas), entre 15 e 64 o 60,28% (203 persoas) e maiores de 65 anos son o 22,52% (68 persoas).
Historia
Mencións da parroquía
A primeira mención da parroquia co nome actual consta do ano 959, nunha doazón feita por dona Elvira Alvítez ao mosteiro de Sobrado. Nun documento de 1019 Adosinda Gudestéiz doa ao mosteiro de San Martiño de Lalín a villa [1] de Noceda. Tamén aparece nunha famosa concordia asinada entre o bispo de Lugo e os cabaleiros templarios o 12 de setembro do 1254.
Igrexa
A igrexa parroquial conserva algúns elementos románicos, como a fiestra da ábsida. No Resumen del diario de excursión de Enrique Campo, (páx.167) di «...En esta iglesia no pudimos entrar por no estar el cura, pero por fuera he visto que está completamente reconstruida, únicamente conserva la ventana del ábside románico, cuyos capiteles son unas aves; sobre una puerta de un corral, cerca del atrio he visto una hermosa cruz de piedra con el cordero debajo, que sin duda fue de la iglesia, (la dibujé)» Posteriormente, no 1973, Isidro González Vango Torviso, visitou a igrexa e non atopou rastro da cruz, pero deixou descrita a ventá: de arco semicircular, arquivolta baquetoneada, na media caña entre os dous baquetóns decoración de botóns; chambrana de catro filas de tacos. Capiteis e bases adosadas, simulando ser entregas, fustes monolíticos; cimacios dunha peza,impostados vinte centímetros. O capitel esquerdo, de aves apicada; o dereito cunha ave frontal na aresta e o resto indescritible. O chafrán recto de ábaco decorado con triángulos invertidos. As basas de perfil ático, moi desgastadas. No centro da saetera tapiada, sobre ela un arco refundido con botóns.A cronoloxía illada para unha soa ventá é problemática pero pola identidade de formas coas de Pescoso e Goiás, pódese situar en torno ao 1170.
No 1670 construíuse unha capela lateral, de estilo gótico, con nervios, onde están as sepulturas da casa de Golmar, que preside o sepulcro de don Gonzalo Taboada e Ulloa, con escudos coas súas armas, que tamén aparecen no exterior da capela.
No 1923 tivo lugar un roubo na igrexa, desaparecendo unha cruz de prata antiga, un porta viático tamén de prata, a cruz dun pendón a coroa da virxe e 25 pesetas que había nos cepillos.
Sobre o 1925 producíuse unha tormenta moi grande e un lóstrego tirou por completo a torre da igrexa, que se arranxou coa axuda dos veciños.
Casa nobres
Noceda é un lugar que se caracteriza pola abundancia de pazos e casas grandes.
O Casarío de Golmar ou Pardiñas, con portón de pedra ameado, gran escaleira e solaina, foi fundado nos comezos do século XVII por Gonzalo Taboada e Ulloa. Na fachada da construcción atópanse os escudos de feitura española con escotaduras na parte alta e rematados en punta.Ambos escudos son partidos, con diferentes armas en cada un deles.O da esquerda presenta o primeiro cuartel tres táboas horizontais superadas de tres oblicuas e surmontadas de tres flores de lis. No segundo cuartel trece roelos, dúas cambas e tres caldeiros. Todas elas armas dos Taboada.
O da dereita amosa no primeiro cuartel unha torre sobre ondas dúas trouçitas nadando entre as augas, e a ambos lados da torre dúas cunchas de vieira, como armas dos Churruchaos. No segundo cuartel unha árbore arrancada que mostra as raíces, tronco recto con dúas ramas primarias cortadas e copa redonda cun león pasante. Este cuartel é semellante ás armas do Pazo de Soutolongo, de onde proviña a nai do fundador da casa, polo que poden corresponder ós apelidos dos Boado ou Ventosa, pola similitude co escudo que existía na cas ade San Martiño dos Varelas, en Melide, relacionado por matrimonio co citado Pazo de Soutolongo. Na parte superior un longo epígrafe reza: ARMAS DE LOS TVOADAS I CHURUCHAOS.
A Casa do Ferreiro, en Noceda de Abaixo, ten os escudos dos Castro, Arias e López de Lemos. Segundo a información obtida dos veciños, este escudo non era desta casa senón dunha que está próxima á igrexa en estado ruinoso.
A Casa dos Quiroga é unha casa fidalga situada preto da igrexa cun sinxelo escudo de catro cuarteis. No primeiro ten tres flores de lis, no segundo unha roda, no terceiro unhas táboas en horizontal e no cuarto unhas táboas en diagonal. Pola parte dereita ten como unha especie de cáliz co corpo de Cristo.
O castro
O castro coñécese popularmente como o Coto da Ourela. Sitúase a 300 metros ó norleste-leste da igrexa. As súas coordenadas xeográficas son 42º 42' 42" norte e 8º 11' 14" oeste. Está a 440 metros de altitude. Posiblemente estivese habitado entre os séculos II a.C e o I.
Posúe un único recinto de forma ovalada que mide de norte a sur 70 metros e de leste a oeste 82, protexido por unha muralla duns dous metros de alto na súa cara interior. As defensas refórzanse no sector meridional cun foxo. O aceso antigo está orientado ao norleste, feito por interrupción da muralla.
No sector occidental existen terras de cultivo xunto con carballeiras, piñeiral, e eucaliptos. A lenda di que vai unha mina de alcatrán e outra de ouro dende o centro do castro ata a porta da igrexa, pero ó intentar explotar unha, arde a outra.
Hai uns sesenta anos un veciño propietario dunha leira onda o castro fixo un burato para depositar alí os restos dos animais que mataba na carnicería e atopou moedas, muíños, olas de barro, bólas de cores, etc. Tamén se di que atopou ósos humanos. De ser verdade, non serían restos de hai 2000 anos, pois non se conservan restos humanos da cultura castrexa, en boa parte polas características climáticas de Galiza, que favorecen a súa descomposición.
A guerra civil
Nos tempos da guerra Noceda sufríu as súas consecuencias. Unha praca dos caídos lembra a oito mortos falecidos polo bando nacional. A praca foi a primeira instalada na comarca, o 31 de decembro de 1939. O acto contou coa presenza do xefe local da Falanxe de Lalín, Mario Fernández Crespo, e o secretario de organización, Xesús Goyanes. Logo dunha misa procedeuse o descubrimento da placa coa lectura da Oración dos Caídos e concluíuse o acto con berros de "Presentes", habituais nos encontros falanxistas.
Tradicións
Festa da Santa Cruz
Esta festa celebrase sempre o primeiro domingo despois do 3 de maio. Esta xa é unha tradición moi antiga que comezou cando unha misión construíu unha cruz en 1905, a cen metros da igrexa. Desde entón vaise ata ela en procesión, e alí os rapaces novos recitan oracións a Virxe e a Xesús. Logo regresan a igrexa para recibir a bendición, e logo hai un concerto para a xente que asiste á festa.Unha noticia do 1928 dicía: "Las fiestas que en honor de Canta Cruz se celebran en la rica,
fértil y pintoresca parroquia de Noceda(Lalín), el día 20 del actual, estuvieron como desde tiempos lejanos bastante concurridas, a pesar del mal tiempo reinante que impedió que saliera una procesión en la que la habían de tomar parte las niñas de las dos escuelas nacionales con banderitas, etc. etc. Fue admirable el orden, disciplina, respecto y buen gusto con que dos niños de las dos escuelas asistieron a estos solemnes actos por lo que felicitamos a los cultos y trabajadores maestros nacionales señorita Mercedes Araujo Conde y don Manuel Busto, cuya labor meritísima hemos tenido el gusto de apreciar más de una vez. Merced a la intervención de estos. Amenizaron la fiesta tres muy aplaudidas y laureadas banda de música Brántega, La lira, de Bendoiro y la de San Jorge.De Lalín, Filgueira, Donsión, Sello, Bermés, Santiso, Bendoiro, Prado, San Jorge, Madriñan, Busto, Corpiño, Meijome, Silleda, Tabeada, etc., etc., acudieron personas a la famosa fiesta de Noceda."
Festa da Pascuilla de Lamas
É unha festa campestre que se celebra na aldea de Lamas cincuenta días despois de Pascua. Honrase á Virxe dos Remedios nunha capela que leva o seu nome, rehabilitada a principios do século XXI.Normalmente celébranse misas durante toda a mañá, e á unha é a misa solemne acompañada dunha procesión arredor da capela. Logo da misa hai un concerto a cargo dunha banda, e a continuación a xente come alí e estase toda a tarde agardando a festa da noite.
Bendición dos froitos
Unha tradición que se perdeu en Noceda era a da bendición dos froitos que se realizaba tódolos anos o día de San Marcos (25 de abril), onde ían os veciños ó redor dun cruceiro para bendicir os productos do campo e pedir polas colleitas.
Outros datos de interese
Sociedade cultura e patria pro construccións escolares e protección mutua de Noceda.
En 1932 e 1934 existiu unha sociedade cultura e patria pro construccións escolares e protección mutua de Noceda, co obxectivo de construír unha escola. Este obxectivo cumpriuse pero non de todo xa que se lle esgotaron os fondos e fíxose dunha única planta. O secretario era Manuel Pérez.
Mitin Galeguista
O 24 de xullo de 1932 celebrouse un mitin galeguista ás once da mañá, con presencia de personaxes ilustres como Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Alexandre Bóveda, Valentín Paz Andrade, Álvarez Gallego ou o veciño de Silleda Alonso Ríos (non se pode confirmar a presenza de todos).



