Noceda de Abaixo
|
04 March 2009
Hai décadas, unha barca trasladaba pasaxeiros de Lalín a Silleda polas augas do río da comarca.
Cando aínda non chegara o automóbil, os veciños de Noceda, Anzo, Madriñán e outras parroquias, que querían atravesar o río Deza, víanse obrigados a dar un gran rodeo polo antigo viaducto da Ponte Taboada. Isto para a xente non era moi práctico xa que, á parte de levarlle moito tempo o camiño,o transporte era caro (facíase en coche de cabalos). A familia De la Torre Crespo, veciña de Noceda de Abaixo, viu un negocio: pasar á xente dun lado ao outro do río en barca. En 1933, o cabeza de familia, Daniel de la Torre, decide construír unha pequena barca de madeira para transportar xente e gando entre as dúas beiras.
Este oficio duraría ata 1953, aproximadamente. Comezou cobrando 25 céntimos por viaxe e despois xa se fixou nunha peseta, que axudaba moito na economía familiar, xa que era unha cantidade considerable se temos en conta que o salario dun traballador roldaba as catro pesetas por día. Había tres horas de paso, pola mañá, a mediodía e á noite e sempre había xente para pasar, traballadores, etc... sobre todo os días de feira en Silleda, o 6 e 23 de cada mes. Era das veces que máis xente había e tíñase que facer máis dunha viaxe. Conta o penúltimo destes barqueiros que o pai lle ía levar a comida para xantar e que se alegraba moito porque había días que ata facían 30pesetas. A barca era de madeira e fixéronse varias durante o tempo que durou o oficio.O traballo de facelas tamén pasou de pai a fillos. A derradeira foi feita por Darío: era semellante ás demais, as súas medidaes eran de catro metros de longo por dous de ancho e nela collían aproximadamente vinte persoas. No río había dous embarcadoiros, un a cada lado, escollidos polas súas mellores condicións naturais. Para deixar a barca polas noites e cando non estaba en uso atábana cunha cadea a unha argola incrustada nunha pedra. Para facilitar o desprazamento da barca,puxeron un cable que atravesaba o río á altura dun metro que se utilizaba para tirar da barca dun lado ao outro indo o barqueiro no medio dela.
Nome das pedras
Hoxe no Pozo do Pego, onde se desenvolveu esta actividade, non atopamos ningún sinal que indique o que nel ten acontecido. Soamente sabemos por ónde ía aproximadamente, xa queaínda hai xente que o recorde. E se nos decidimos a dar un paseo polo bordo do río, estaría ben ir con alguén que coñecese aquel lugar, para que nos fose dicindo o nome das múltiples pedras que rodean o río, xa que todas teñen nome e a súa historia e moito máis. Podemos destacar unha moi atractiva para dende ela pegar un baño ou tomar o sol, pero as apariencias engananxa que se te tiras por alí á auga non se dá saído: vai en vertical ata uns tres metros de profundidadee tés que nadar ata a outra beira do río.Chámanlle “a pedra esvarosa”... Pero aínda que fai uns sete anos no verán recibíamoitos bañistas que se decidían a ir pasar a tarde e bañarse, na actualidade polo lado do Concello de Lalín está abandonado e con mato. A historia dos barqueiros remata cando comezan a cegar os primeiros coches e a xente preferiu viaxar mais cómoda e non ter que andar tanto. Así foron escaseando os pasaxeiros e os mozos da familia tamén se foron independizando ata que o último barqueiro decide retirar a barca do río para deixar paso aos novos medios de transporte.



